O LUME E O SONO

imagenDurmir é un dos máis desconcertantes comportamentos humanos. Cando durmimos non podemos buscar alimentos, non socializamos, nen nos reproducimos e, peor aínda, estamos indefensos, vulnerables aos depredadores. E, con todo, é indispensable para vivir.

neurocientífico británico Matthew Walker afirma: ” pasar de durmir nas árbores a facelo no solo foi seguramente o factor que nos permitiu desenvolver todas as nosas capacidades sociais, emocionais e creativas e chegar ó cumio da pirámide evolutiva.”

Pasar de durmir nas pólas das árbores á botar unha sonada tumbados no solo foi unha auténtica revolución, supuña deixar a seguridade da altura a estar expostos aos depredadores nocturnos e a parásitos que rondan no solo como carrachas e pulgas. Pero, cando e por que razon deixamos de durmir nas alturas? Crese que Homo erectus, antecesor da nosa especie, Homo sapiens foi o primeiro homínido en durmir habitualmente no solo. A razón eran os seus brazos curtos e a curvatura da columna, que facía difícil manterse nas pólas sen caer.

O lume, que xa dominaba Homo erectus, permitiulle  baixar á terra firme para descansar e relaxarse xa que as chamas espantan a depredadores como as hienas ou os tigres de dentes de sable,  e o fume alonxa os insectos.

Evidentemente, durmir no solo seguía sendo peligroso pero esto fixo de presión evolutiva para que a nosa forma de durmir se fixera máis eficaz. A evolución encargouse de reducir o tempo de sono, pero aumentou a súa intensidade e calidade,  sobre todo a fase REM na que os recordos recentes se relacionan cos antigos e xurden novas ideas (Seguramente algunha vez ao despertarte descubriche que atoparas a solución a algún problema que parecía de difícil solución).  A fase REM acelerou a complexidade do cerebro humano e o control racional das emocións primarias, o que permitiu dominar as outras especies e crear comunidades estables e cohesionadas.

 

AREAS MOVEDIZAS

imagenNesta primeira guía do curso estamos a traballar no tema do planeta Terra, na súa orixe, estrutura e dinámica. Precisamente esta entrada fai referencia a un impresionante fenómeno da natureza que ten relación coa  dinámica superficial,  coñecido pero pouco estudiado e asociado aos terremotos,  a licuefacción do solo.

Se observamos as imaxes desoladoras que nos chegan do estado no que quedaron algunhas  zonas do norte de Indonesia tralo impacto do tsunami orixinado tras un terremoto de 7,5 de magnitude na escala de Richter, dámonos de cheo coa realidade que ten que padecer aquelas xentes que viven en zonas de alto risco sísmico.

O pasado día 28 de setembro polo serán,  unha onda duns 5 metros de altura arrasou coas poboacións costeiras causando máis de 14oo mortos e centos de desaparecidos. Cando a onda se retirou e os supervivintes comezaban a ser conscentes da desolación, ocorreu algo moi extraño. Baixo os seus pes, o solo comezou a volverse brando, case líquido, e os poucos edificios que soportaran a embestida a onda perderon a verticalidade ou incluso desapareceron, era “como se a terra os tragara”.

Este fenómeno coñecido como licuefacción do solo ocorre nalgunhas zonas costeiras próximas ao “cinto de lume do Pacífico” como Xapón, Alaska ou Indonesia. Cando a un solo sedimentario se lle aplica unha forza moi grande cambia de densidade e adquire unha consistencia líquida. Este solo fundido compórtase como un hidroxel, substancia non newtoniana que en repouso é estable pero se cambian as condicións físicas rapidamente, modifica as súas propiedades, aumentando subitamente a viscosidade.  Os arquitectos que deseñan edificios e outras infraestruturas nestes lugares teñen neste fenómeno o seu principal inimigo.

Para que se produza o cambio de estado do solo ten que confluir unha serie de condicións:

- Sismos de 5,5 graos de magnitude ou máis con epicentro preto da costa.

- Cidades situadas sobre terreos arxilosos ou areentos cun espesor mínimo de 15 metros.

Nivel freático como máximo a 3 metros de profundidade

Fai un breve comentario deste post indicando as medidas que tomarías se che tocara vivir nun destes lugares.

 

BIOPIRATAS

imagenTodos coñecemos ou escoitamos falar algunha vez de xente cuns coñecementos extraordinarios sobre plantas medicinais, ungüentos e cocementos capaces de aliviar os  máis frecuentes e menos graves males das persoas. Eran individuos que herdaran os seus coñecementos dos antepasados e fóronnos puíndo coa experiencia. Onde hoxe vemos follas, raíces, froitos e flores eles vían remedios pero,…ateigada a botica de produtos de deseño, xa non nos interesa saber como se distingue e para que serve a macela, a árnica, a xarxa,  as flores do sabugueiro, os brións, os cornecelos, as follas de sapo, etc.

Pero hai a quen si  lle interesa. Representantes de multinacionais farmacéuticas, escudriñan a natureza buscando remedios onde a xente do campo sempre soubo que estaban. Non os empuxa a curiosidade. Buscan rendabilidade económica dun legado que é de todos pero que moitas veces pasa a ser propiedade duns poucos. Moitas desas especies, algunhas endémicas, únicas no mundo, agochan remedios contra o cancro, a diabete, ou o alzheimer.

O concepto de Biopiratería elude a apropiación ilegal de coñecementos e prácticas relacionadas coa diversidade xenética e biolóxia da natureza. As grandes compañías farmacéuticas, agroindustriais, universidades  e laboratorios de investigación son os principais interesados en facerse con esta información e coñecemento para desenvolver produtos e comercializalos, tomando a súa responsabilidade legal a través de patentes.

Moitos dos produtos patentados por grandes multinacionais como Bayer, Dupont, Monsanto, Aventis, Syngenta, BAFS, etc. foron remedios e cultivos que os agricultores levan usando séculos e aos que hoxe en día non poden acceder  por estar patentados ou en perigo de extinción.

Algúns exemplos:

-  O curare que os indios amazónicos usaban nas súas flechas actualamente forma parte dun relaxante muscular dos laboratorios Glaxo y Wellcom.

- O kambó, unha substancia tóxica que secreta un sapo verde sudamericano que os indíxenas usaban para fortalecer o sistema inmunitario, véndese hoxe como medicamento contra o parkinson.

- A codea  do Tepezcohuite que xa usaban os mayas contra as queimaduras formou parte de moitos medicamentos e hoxe en día está extinguida.

- O maca, viagra natural dos Andes, actualmente en mans da multinacional norteamericana Biotics Research Corporation en tratamentos de fertilidade. (En perigo de extinción).

- A árnica montana, planta vivácea que medra nos montes de Ourense e de Rumanía utilizada dende sempre contra as contusións, hoxe está practicamente extinguida polos cambios de uso do solo e a sobreexplotación que nos anos 90 se fixo dela para vendela a laboratorios franceses e alemanes que a usaban en geles contra golpes e mazaduras.

- Microorganismos extremófilos descubertos no lago keniano Nakuru foron patentados pola multinacional danesa Danisco para o seu uso nos “jeans” pois fan desaparecer o tono índigo dándolles aspecto desteñido.

- Antifungos sacados a partir dun fungo atopado no esterco das jirafas de Namibia.

- Branqueador de pel logrado a partir dunha variedade de aloe de Sudáfrica.

Segundo a OMS, ata o 75% dos fármacos que se venden en Europa e Norteamérica ten como base substancias naturais que veñen de países con gran diversidade. Unha vez patentados ten garantido o absoluto control do produto e dos lucrativos beneficios que reportan. A cambio, os países de orixe do produto non reciben nada. Así funcionan os piratas do século XXI.

 

ECOLOXÍA RELIXIOSA

imagenO noso planeta necesita urxentemente unha nova forma de habitalo, require redifinir o progreso, acelerar a transición enerxética e, sobre todo, potenciar a educación ecolóxica. Todos estos desexos aparecen reflectidos na Laudato sí do papa Francisco.

A preocupación pola educación ambiental que xurde nos anos 60 no Cumio da Biosfera e posteriormente se desenvolve no protocolo de Tbilisi comeza a dar froitos. Nos membros máis lúcidos da nosa sociedade apréciase unha conciencia ecolóxica que se cuestiona constantemente  o tipo de mundo que debemos deixar aos que nos sucedan, aos nenos que están a medrar. Para moitos a conciencia ecolóxica e case unha relixión cuxa única moral é o amor a natureza. Nesta nova relixión tamén hai ceo e inferno, premio e castigo,  segundo nos comportemos con ela, como xa enunciara Lovelock na súa famosa teoría de Gaia.

O castigo é para os que contaminan as fontes e as  esgotan, os que matan o solo a base de biocidas, os que fan  o aire irrespirable cuspindo fume, os que lle pegan lume ó monte, os que acaban coa Árnica montana emponzoñando os lameiros con xurros ou que afogan as píntegas dos humidais con deterxentes fosfatados. Cada especie que se extingue é un anticipo do que lle agarda á especie humana ó final desta apocalipse ecolóxica na que estamos inmersos.

Os ateos actuais non ven o cambio climático, apadriñan os transxénicos, convidan as especias alóctonas, sobreexplotan os recursos, aniquilan os hábitats,  practican un capitalismo salvaxe sen importalle as consecuencias.

En fronte, a ecoloxía postula unha idiosincrasia baseada nun compromiso de salvación planetaria  sustentado na educación e na comunicación. O Paraíso so será posible se o home camiña en paralelo coa natureza,  deixando que o deus sol se faga azucre, que se mesture co aire limpo da atmosfera, que encamiñe a auga ata as fontes, e que esta auga volte ó mar donde un día comezou a xerminar a vida a partir da espiritualidade das bacterias.

 

CRISPR-Cas9. O DESCUBRIMENTO DO ANO 2015

imagen

Os humanos levamos moitos anos manipulando xenéticamente  a outros seres vivos, a través de cruces entre animais e plantas. Ata fai pouco cambiar un simple xen era moi custoso e técnicamente complexo.

Acaba de inaugurarse unha nova era na Enxeñaría Xenética, coa aparición dunha novedosa ferramenta capaz de editar ADN e borrar xenes defectuosos, copiar xenes sanos e pegalos directamente no ADN, e todo elo de xeito fácil, rápido, barato e sobre todo, altamente preciso.

Dúas científicas, Enmanuele Charpentier e Jennifer Doudne foron quen de crear este sistema de edición xenética capaz de”converter en barato un proceso moi difícil” e que está enamorando a investigadores de todo o mundo. A sinxeleza desta técnica  é tal que se considera que as súas descubridoras pronto recollerán o premio Nobel.

Esta ferramenta consta de dous  compoñentes básicos: un fragmento de ARN que serve de guía para identificar o fragmento de ADN que se quere editar, e un enzima que o corta e pega. Ten a  súa orixe nun sistema de defensa das bacterias, que usan o CRISPR para integrar o material xenético dos virus que lle atacan e gardalo no seu propio ADN para recoñecelo e usalo nunha próxima infección. Cando o virus volve, coa mostra almacenada na súa base de datos de”virus perigosos”, a bacteria envía o ARN ata o virus que é liquidado nun intre.

Con esta tecnoloxía podemos reproducir unha mutación calquera causante dunha enfermidade nun rato ou nun mono, editala e podemos ter ratos ou monos avatares dun paciente e estudiar neles qué pasa con esa variación xenética para tratala nunha persoa en concreto. Nun futuro relativamente cercano servirá para curar enfermidades cuxa causa xenética se coñeza e que ata agora eran incurables. Xa se está traballando con esta tecnoloxía en enfermidades como a Corea de Huntington, Síndrome de Down, anemia falciforme, Sida ou cegueira conxénita.

Esta tecnoloxía tamén carrexa implicacións éticas pois permite manipular facilmente embrións e xerar individuos “á carta”. Agarademos cós científicos deriven o seu traballo polo camiño axeitado.

 

O ESQUELETO MÁIS FAMOSO DO MUNDO

imagenAproveitamos este post para solapar histoloxía con evolución. Cando falamos de osteoblastos, osteocitos, osteonas, coláxeno, … estamos a refe

As funcións dos esqueletos non son so facer de soporte ou protexer órganos vitais, senón que tamén son almacén de calcio, xeradores de sangue e parte activa na locomoción. E de locomoción precisamente imos a falar.rirnos ós ósos, os  órganos constituíntes dos esqueletes da maioría dos vertebrados.

Hai un esqueleto, unhs ósos que sobresaen entre os demáis. É o dun Australopithecus afarensis que apareceu no val de Afar (Etiopía) unha mañá dun domingo de novembro de 1974. O seu descubridor, Donald Johanson pareceulle boa idea porlle o nome de Lucy pois naquel momento sonaba na radio unha famosa canción dos Beatles titulada Lucy in the sky with diamonds.

Johanson atopou en sedimentos de 3,2 millóns o 40% dun esqueleto dun homínido adulto -tiña moas do xuízo e ósos soldados- duns 30 kg de peso e 1,1 m de altura e, sorprendentemente,  cos pés arqueados e a pelve distinta da dos primates. Pronto se percatou que camiñaba ergueita e Lucy acababa de deixar a seguridade das árbores para asegurarse un lugar privilexiado na historia da evolución humana.

Os seus restos descansan no Museo Etíope de Historia Natural en Addis Abeba nunha cámara de seguridade sin acceso ó público.

Lucy non viviu soa, compartiu o val de Afar con outros homínidos que foron presentados en sociedade en maio de 2015 pola revista Nature, o Australopithecus deyiremeda, que aparece tan so a 35 km do lugar onde se atopou a Lucy, e que demostra que máis dunha especie de homínidos conviviron no tempo.

Se nos centramos na historia, o máis importante que fixo Lucy foi poboar a imaxinación e os sonos de moitos xóvenes e investigadores que, durante estos 41 anos, conseguiron dar un pulo sen precedentes na percura das orixes máis profundas do ser humano.

 

PEROVSKITA: ENERXÍA FOTOVOLTAICA LOW COST

imagenNo tema da estrutura da terra que estamos a ver falamos que a unha profundidade aproximada de 670 km o mineral que forma o manto chámase perovskita, un óxido de titanio e calcio que pode chegar á superficie debido aos movementos tectónicos. Coñecida dende hai uns 150 anos, ninguén se percatara ata hai pouco tempo -próbase por primeira vez no ano 2009- da súa gran capacidade para absorver enerxía solar.

A perovskita é un novo material do que todo o mundo fala pois as células fotovoltaicas que se obtén dela son moito máis baratas cás actuais feitas de silicio xa que, cun espesor  de menos dunha micra, son tan eficientes na absorción de luz como o silicio cun espesor de 180 micras, polo que permiten reducir custos de produción da enerxía solar nun 80%.

As enerxías limpas, a pesar de ser sostibles e ecolóxicas, teñen un elevado custo xa que a tecnoloxía empregada é cara, e os prezos son moi superiores aos das enerxía fósiles, polo que non poden competir con elas. Nembargantes, esto podería cambiar no caso da enerxía solar grazas ao uso da perovskita.

Outra  particularidade deste material é a súa gran flexibilidade,  transparencia, lixeireza e firmeza e, debido ó mínimo espesor requerido para capturar enerxía solar que necesita, pódese aplicar  en forma de sprai convertendo calquera superficie nun panel solar; incluso as células de silicio melloran nun 20% o seu rendemento ao seren rociadas con perovskita.

Xa se poden atopar mochilas ou cubertas para iPad rociadas con este material que permiten obter enerxía eléctrica portátil.

Por certo, en Galicia temos xacementos deste mineral. Aparece na mina da Franqueira en Pontevedra ou en Ourense na das Sombras, no concello de Lovios.

 

A MOLÉCULA MÁIS CONDECORADA DA HISTORIA

pingas de colesterolEstamos a ver no primeiro tema de Cultura Científica a importancia do método científico para chegar a resultados que se poidan repetir e comunicar de xeito uniforme. O traballo dos científicos require intuición, esforzo, paciencia, experimentación, inxenio, creatividade e, as veces, un chisco de sorte (lembrade a serendipia).

Este post fala do descubrimento do colesterol, un esteroide vital para as membranas celulares pero un mal aliado para a saúde cardiovascular.

Na percura de coñecementos sobre esta molécula deixaron moitos científicos parte da súa vida, entre eles trece Premios Nobel. En 1908, un investigador ruso chamado Alexander Ignatowski descubriu que ao alimentar a coellos con dieta rica en proteínas animáis (leite e ovos) aparecían unhas placas nas arterias  iguais as que desenvolven as persoas aqueixadas de arterioesclerose. Ignatowski foi o primeiro en inducir arteriosclerose nun animal de experimentación e supuxo que a doenza estaba causada polas proteínas do leite e dos ovos (albúmina e caseína). Estaba engañado.

Os traballos de Ignatowski non pasaron desapercibidos para un xoven patólogo ruso, Nikolai Anichkov, que en 1913 repite o experimento cunha pequena modificación: separa aso coellos en tres grupos distintos. No primeiro grupo aliméntase con líquido muscular, o segundo con claras de ovo e o terceiro con xemas.  Resultou que so apareceron placas arterioescleróticas nas aortas de coellos que comeran xemas.. Anichkov foi o primeiro en demostrar que os lípidos e non as proteínas son os responsables a aparición das placas branco grisáceas na aorta, semellantes as observadas nos humanos falecidos por problemas cardiovasculares.

Este foi un exemplo de cómo o erro dun científico pode ser o punto de partida doutro. O descubrimento de Anichkov non sería posible se Ignatowski non se equivocara.

 

PAPEL PEDRA

imagenDentro dos materiais de orixe biolóxica atópamos o papel, que xa usaban os chineses aló polo século II e que actualmente elabórase a partires de pasta de celulosa procedente da madeira. Para o proceso de fabricación cómpren grandes cantidades de auga quente á que se lle engaden substancias químicas como a sosa ou blanqueantes como o dióxido de cloro. Debido a todo isto, é moi importante non consumir papel de forma innecesaria e posibilitar a súa reciclaxe.

Recentemente a empresa taiwanesa  Lung Meng Tech Co patentou un substituto do papel vexetal coñecido como papel pedra elaborado con carbonato cálcico (80%) e resina de polietileno (20%). Dito papel non precisa auga nen madeira e, ademáis, é de cor branca de xeito natural, polo que non necesita cloro para blanquealo.

Outras das súas vantaxes fronte ó papel convencional son:

- Consómese un 50% menos de enerxía na súa elaboración.

- 100% reciclable.

Fotodegrádase entre 3 e 9 meses ao sol.

- Cando se incinera emite un 50% menos de dióxido de carbono que o normal.

- Resiste á auga (pódese escribir mergullado), non absorve a graxa nen o aceite (ideal para etiquetas autoadesivas ou manteles).

- Non o atacan os fungos.

- Gran resistencia á rotura e tacto suave pois non ten fibras.

Comercializado en España pola empresa EmanaGreen xa o podemos atopar en cadernos, bolsas de comercios e incluso en cartas de restaurantes famosos.

Este novo aproveitamento dos recursos minerais non enerxéticos como substituto do papel pode ser un gran aliado dos bosques e do medio en xeral.

 

TODO VALE

imagenEstamos afeitos a falar  a miúdo das “3R” como estratexia para conservar o medio e, o mesmo tempo, como forma de valorizar os residuos que producimos nas nosas actividades cotiás. O lixo é rendible.

Recentemente apareceu publicado na revista médica New England Journal of Medicine un estudio  que nos amosa a gran utilidade que presentan en medicina -en concreto nos transplantes-  un tipo de residuos que ata agora consideramos noxentos, os residuos fecais. Este estudio suxire que transplantar as feces dun doador san a unha persoa que padece unha infección recurrente, pode ser máis eficaz que tratala con antibióticos.

Do mesmo xeito que no seu momento coas sambesugas se purificaba o sangue, ou con vermes se limpaban feridas, o uso de feces xa ven referida na China do século VI na que membros da dinastía Ming utilizaban feces para o tratamento de enfermidades abdominais como a diarrea severa, febre e vómitos; tamén forma parte do vademecum dos indíxenas sudamericanos.

O método consiste en recoller deposicións de individuos sans -en EEUU creouse o primeiro banco de excrementos humanos e pagan unhs 40 dólares  por deposición-, unha vez purificados e mesturados con leite e soro, as feces do doador son introducidas polo colon mediante colonoscopia, ou polo nariz, con axuda dunha sonda nasofarínxea común.

A finalidade deste transplante e reconstruir a homeostase microbiana normal do intestino, repoboando con bacterias boas dos excrementos  do doador o intestino do paciente, para acabar con infeccións que causan diarreas, dor abdominal, febre, sanar úlceras intestinais, colite, estrenximento crónico…, e, nun futuro para tratar desórdenes  metabólicos como a obesidade ou o síndrome de colon irritable.

Ata o momento non hai reservas de feces en España e o que se fará nos primeiros transplantes é pedirlle á familia do enfermo, pais, irmáns, que fagan a donación.  Así todo queda en familia.